Arte 'made in' Marín para embelecer o Palacio da Música de Madrid
Por Alejandro Espiño
Un dos edificios máis emblemáticos de Madrid loce desde hai días unha nova imaxe. Trátase do Palacio da Música, situado na Gran Vía da capital de España. Estreou un mural de azulexo que representa un alegato en favor da cultura e o medio ambiente.
Esta intervención artística é obra do dúo Los Bravú, formado pola salmantina Dea Gómez e o marinense Diego Omil, coñecidos por unha carreira multidisciplinar na que intercalaron pintura, escultura ou mesmo os cómic. E todo iso cun indubidable éxito.
Este mural permanecerá na fachada do palacio ata a súa conversión nun gran teatro, para devolverlle o seu uso como espazo escénico de referencia en Madrid.
O proxecto de Los Bravú está realizado en azulexo tipicamente madrileño. Ocupa uns 170 metros cadrados, grazas aos seus máis 30 metros de ancho e case cinco metros de altura.
Dea Gómez e Diego Omil creárono a partir dun debuxo elaborado con técnicas mixtas que van desde a acuarela ao rotulador. O espírito deste traballo foi trasladar situacións, personaxes e obxectos actuais ao estilo clásico e renacentista.
No mural inclúense ademais códigos QR que conectan coa Casa On, a plataforma dixital de La Casa Encendida, o outro proxecto cultural dos responsables do Palacio da Música, a Fundación Montemadrid, apostando así pola nova arte e o acceso á cultura.