Os bombeiros e un apicultor retiran un niño de abellas da fachada dun edificio de Benito Corbal
Por Redacción & Mónica Patxot
As persoas que paseaban pola rúa Benito Corbal a última hora da tarde deste xoves atopáronse cun rechamante despregamento de medios de emerxencia que espertou gran interese veciñal. Un guindastre de grandes dimensións e profesionais vestidos con traxe de protección captaron a atención dos viandantes, que se preguntaban a que se debía o operativo.
Os profesionais que estaban alí despregados eran efectivos do Corpo de Bombeiros de Pontevedra e un apicultor que habitualmente colabora con eles e o despregamento debíase á necesidade de retirar un niño de abella común que se creou na parte superior da fachada dun edificio.
Segundo explicaron os bombeiros, a colmea retirouse con todas as abellas dentro, incluída a raíña, e foi trasladada a outro lugar no que poderán producir mel. Para evitar que algunha abella que xusto nese momento non estivese no niño regresase a este edificio e a posible creación dun niño novo, os bombeiros procederon a baldear a zona.
Este tipo de actuacións é ultimamente habitual e os bombeiros xa contan cun apicultor que, co debido traxe de protección e axudado por eles, retira o niño e a continuación encárgase do seu traslado a un lugar no que sigan producindo. A semana pasada xa retiraron outro noutra rúa de Pontevedra e tamén esta mesma semana retirouse un na rúa San Antoniño.