Os concellos da ría pagarán menos polo novo abastecemento
Por Oskar Viéitez
O Estado aumenta a súa achega económica na obra do novo abastecemento de auga a Ría de Pontevedra.
A directora xeral da empresa pública AcuaNorte, Isabel Pérez-Espinosa, reuniuse cos responsables dos cinco concellos da ría de Pontevedra implicados neste plan para mellorar a rede en alta de abastecemento, que inclúe aos municipios de Pontevedra, Poio, Sanxenxo, Marín e Vilaboa.
Isabel Pérez-Espinosa, coñecida por substituír no seu día a Álvarez Cascos no soado follón do PP asturiano, presentou unha nova proposta de financiamento a cargo do Estado que chega ao 85% dos, aproximadamente, 33 millóns de euros de investimento, ao incrementar ata o 70% os Fondos Europeos destinados a esta actuación.
A este investimento hai que sumar outro 15% que aporta a Sociedade Estatal Augas das Cuencas do Norte S.A. (AcuaNorte).
Esta achega beneficiará directamente aos cidadáns dos Concellos da ría de Pontevedra, que verán como a tarifa inicialmente prevista, diminúe ao reducirse a achega municipal, sobre a comprometida cos anteriores responsables do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.
En números redondos os concellos de Pontevedra, Poio, Sanxenxo, Marín e Vilaboa ven reducida a súa achega en máis de seis millóns de euros, é dicir, un 55% menos do financiamento comprometido.