A Xunta contrata a redacción dos estudos previos das dragaxes dunha trintena de peiraos
Por Redacción
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de asinar o contrato para a execución do servizo de redacción de estudos previos ambientais e técnicos para obras de dragaxe en máis dunha trintena de peiraos de titularidade autonómica.
O Consello da Xunta analizou este xoves un informe que recolle a contratación deste servizo por dous anos, prorrogables ata tres, por un importe inicial de 1,3 millóns de euros, o que permitirá avanzar e axilizar a tramitación destas actuacións no momento en que sexa posible poñelas en marcha.
Esta contratación pretende dar resposta á problemática recorrente da complexidade na tramitación previa das obras de dragaxe pois acostuma a dilatarse no tempo en grande medida e, en moitos casos, durante anos. Os estudos contratados neste servizo permitirán ter completada a tramitación previa para poder proceder á contratación das obras no momento en que se estime oportuno e viable tanto técnica como economicamente.
Entre os portos para os que se realizarán os estudos están os de Meloxo, Corbaceiras, Santo Tomé e Tragove.
Xunto coas 31 actuacións previstas neste contrato, o ente público vén de tramitar tamén nos últimos meses un total de oito actuacións máis de dragaxe por importe de 5,5 millóns de euros.