Paga a fianza para evitar a prisión o home detido en Vilanova como presunto responsable do tiroteo
Por Redacción
O Xulgado de Instrucción Número 2, que investiga o tiroteo ocorrido o pasado domingo en Vilanova de Arousa, ordenou este mércores a entrada en prisión dunha das dúas persoas arrestadas na xornada anterior. Con todo, o home quedará en liberdade nas próximas horas despois de abonar xa os 30.000 euros de fianza impostos polo tribunal.
Ao home ségueselle investigando por un delito de homicidio en grao de tentativa.
A muller que fora detida xunto a este home foi posta xa en liberdade pola Garda Civil.
Estas detencións producíronse despois do tiroteo ocorrido durante a noite do domingo, despois do toque de queda, cando unha persoa disparou un arma de fogo desde un coche en marcha contra a fachada dun edificio nas inmediacións da zona portuaria de Vilanova.
Minutos antes, testemuñas gravaron unha pelexa entre dous homes en plena estrada coa presenza de dúas mulleres que trataban de mediar para resolver o conflito. Aínda que non está confirmado e polo momento descoñécense os motivos de ambos os sucesos, estudan a hipótese de que esta liorta teña que ver co tiroteo posterior que acabou coa entrada en prisión dun dos participantes.