Portos de Galicia estuda ampliar os atraques no peirao de San Adrián de Cobres
Por Oskar Viéitez
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, reuníuse este martes co alcalde de Vilaboa, César Poza, e trasladoulle que Portos de Galicia está a estuda a posibilidade de ampliar os atraques no peirao de San Adrián de Cobres para mellorar a súa funcionalidade.
Luis López garantiulle ao alcalde o "compromiso máximo" do goberno galego co Concello no marco do "clima de entendemento e colaboración institucional existente entre ambas administracións".
O alcalde expuxo as demandas e necesidades de Vilaboa centradas principalmente na mellora dos sistemas de abastecemento de augas para consumo humano e na dotación de parques infantís ao abeiro das ordes de axudas para estas actuacións.
O representante autonómico confirmoulle a concesión de case 40.000 euros para mellora de camiños municipais dentro do Plan Marco 2021.
O delegado territorial da Xunta trasladou a César Poza que a Xunta de Galicia "está a traballar en todas as cuestións de interese xeral para os veciños de Vilaboa" tras reemprazar recentemente gran parte das fiestras do CPI O Toural e que os orzamentos 2021 contemplan máis de 700.000 euros para investimentos neste municipio, dos que a meirande parte correspóndense con actuacións de saneamento.