VÍDEO.- Diversión no Lérez grazas ás intensas mareas vivas do equinoccio
Por Redacción
O leito do río Lérez ofreceu unha estampa rechamante para quen paseou por esta zona da cidade e en maior grao para quen estaba practicando actividades acuáticas. As mareas vivas que se producen nestas datas do ano conlevaron que fose perfectamente visible o leito fluvial do río, ata o punto que permitiu o seu tránsito e ata o improvisado baño e 'surfeo'.
Aínda que as mareas vivas prodúcense todos os meses e iso supón que a baixamar e pleamar sexan máis evidentes; é este un dos dous momentos do ano en que a subida e baixada do nivel da auga resulta maior.
Como explicaba Juan Taboada desde Meteogalicia "as mareas son fenómenos astronómicos e están provocados polo tirón gravitatorio da lúa e o sol. Todos os meses, con lúa chea ou nova prodúcense; cando o sol, a terra e a lúa están aliñados e entoncés ese tirón gravitatorio é máis efectivo que cando temos a lúa en crecente ou menguante".
O especial deste momento, como explica, prodúcese "nos meses de marzo e setembro porque estamos nos equinoccios e ese tirón do que falamos é máis efectivo porque o sol está no mesmo plano que a terra e a lúa". Aínda que estea a parecer que a diferenza respecto ao resto de mareas vivas é considerable, Juan Taboada precisaba que a diferenza oscila entre os dez e os trinta centímetros, pero si que son as máximas do ano xunto ás de finais de setembro.
Os protagonistas, fotografados e gravados por viandantes, eran os menores - que durante estes días de vacacións de Semana Santa - gozaban do campamento urbano de pádel surf. Ademais de aprender e practicar esta disciplina, aproveitaron para correr dun lado a outro do leito do Lérez, chapotear e ata dar unhas brazadas nun punto do río que habitualmente non sería factible.