O comité de empresa de Ence alerta de que a fábrica paralizou os seus investimentos en Pontevedra
Por María José Pita
O comité de empresa de Ence-Pontevedra convocaba este mércores unha rolda de prensa no edificio sindical da rúa Pasantería para facer un chamamento desesperado para que o Goberno central e a Xunta colaboren para acordar unha vía que garanta a continuidade da papeleira na ría de Pontevedra e se aseguren os postos de traballo.
Na actualidade atópase en tramitación no Congreso a Lei para o cambio climático e a transición ecolóxica que no seu artigo 18 "limita" a 75 anos, tendo en conta as prórrogas, a duración das concesións da zona de dominio público marítimo-terrestre que establece a Lei de Costas, o que suporía que a fábrica de celulosa na ría de Pontevedra teña que pechar no ano 2033.
Ante esta situación, e previa consulta cun despacho de avogados, o comité de empresa confía en que "esta lei non se pode aplicar de modo retroactivo", afirma Antonio Lafuente, o presidente do comité de empresa de Ence-Pontevedra, pero ata que non teñan a confirmación todo son dúbidas.
"O que estamos a pedir ás diferentes forzas políticas que teñen voz neste problema é unha mesa de traballo para buscar unha solución definitiva e unha continuidade dos postos de traballo industriais, tanto para nós como para todo o sector forestal galego, punto crave para o desenvolvemento de Galicia", manifesta Lafuente.
Nas últimas semanas, o comité de empresa de Ence-Pontevedra mantivo reunións con representantes dos partidos políticos no Goberno, tanto en Galicia como a nivel estatal. Con todo, o resultado foi desalentador para os traballadores.
"O que non nos pareceu moi normal é que nos sentemos coa Xunta e que nos digan que eles non teñen nada que facer" nun tema que afecta a un sector tan importante en Galicia como é o forestal, laméntase Antonio Lafuente. No caso do Goberno central, os contactos foron a través dos socialistas galegos cun resultado tamén desalentador "o PSdG, que nos remitiu ao xuízo, díxonos que mentres a sentenza non saia eles non poden facer nada", apunta Lafuente.
Esta sentenza refírese aos tres recursos ante a Audiencia Nacional aínda pendentes de resolución xudicial contra a prórroga da concesión da pasteira na ría de Pontevedra ata o ano 2073 concedida o 20 de xaneiro de 2016 polo goberno de Mariano Rajoy e que foron presentados polo Concello de Pontevedra, a Asociación para a Defensa da Ría (APDR) e a asociación ecoloxista Greenpeace. O pasado mes de decembro, Antonio Casal, o director de Ence-Pontevedra manifestaba que, tras moitos atrasos, esperaba que a sentenza chegase neste primeiro trimestre de 2021.
O comité de empresa de Ence-Pontevedra avisa de que a sentenza tampouco aclararía a situación da fábrica pasteira, xa que "aínda que sexa favorable á empresa, isto vai ter un percorrido de moito tempo e nós non queremos vivir unha situación de incerteza total", apunta Lafuente, que ademais incide no dato de que "sobre mil traballadores entran todos os días na fábrica de Pontevedra", dos que 270 son empregos directos.
"A empresa manifestounos que non haberá investimentos en Pontevedra ata que esta situación xurídica se aclare, isto tennos na situación de que un recorte en investimentos e un recorte no mantemento vai provocar que a fábrica caia por inanición", explicaba o presidente do comité de empresa á vez que tamén pedía que nesa mesa de traballo estivesen presentes non só as forzas políticas con capacidade de goberno, senón tamén os traballadores e a propia empresa.
Estas declaracións realizábanse co apoio de todos os sindicatos que teñen presenza na fábrica de Pontevedra, incluído Comisións Obreiras. Este sindicato promoveu nas últimas semanas diversas mobilizacións á marxe dos acordos do comité de empresa, formado por unha maioría de CIG, con apoio de UXT e un membro independente. De aquí en diante, todos os representantes dos traballadores marcharán unidos polo obxectivo común de garantir os postos de traballo.
Relacionadas:
-
O delegado do Goberno reclama a ENCE un proxecto industrial de futuro e pide á Xunta que se implique
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O PSOE esixe á Xunta a apertura dun expediente para comprobar o perigo de Ence, tras as palabras de Colmenares
Por Redacción |
-
Ence alega que o vídeo de Colmenares no que alerta da posibilidade dun "susto maiúsculo ambiental" é unha "gravación ilegal"
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Solucións para o futuro de Ence, petición que o comité de empresa trasladará o luns ao delegado do Goberno
Por Redacción |
-
Traballadores de ENCE advirten do peche "inminente" da fábrica se se aproba a nova lei do cambio climático
Por Manu Otero |
-
O BNG presenta o proxecto 'Galiza! Next' para a recuperación produtiva das rías galegas e o traslado de Ence
Por Andrea Sánchez Barreno |
-
O PP advirte da posibilidade de que a fábrica de ENCE teña que pechar no ano 2033
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O presidente da Xunta fala coa ministra de Transición Ecolóxica de ENCE e do saneamento da ría
Por Oskar Viéitez |
-
Traballadores de Ence intensificarán as protestas ao fracasar as negociacións co PSOE
Por Manu Otero |
-
Traballadores de Ence maniféstanse contra a nova Lei do Cambio Climático, que podería pechar a fábrica no 2033
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
"Convencemento total" do director de Ence-Pontevedra de que os tribunais garantirán a prórroga na Ría
Por María José Pita |