En 'Mentres isto dure' charlamos con Elvira Somoza, coordinadora de servizos en Idades. Unha empresa pontevedresa que emprega ao redor de seiscentas persoas e presta o servizo de axuda no fogar a dezaoito concellos de Pontevedra, en dous na provincia da Coruña e un na de Lugo, o que se traduce, aproximadamente, en máis de mil cincocentos asistidos.
A súa prestación non se restrinxe a maiores, tamén persoas de calquera idade con dependencia; desde rutinas e necesidades básicas ata acompañamentos. Con todo "que invisibilizado está co fundamental que é. Xunto coa sanidade é un piar moi importante para protexer a saúde das persoas", comenta no podcast de PontevedraViva Radio.
Elvira Somoza lembra ademais como tiveron que adaptarse repentinamente á conxuntura que propiciou o coronavirus: "tivemos que adaptarnos a que as auxiliares estean illadas para evitar contagios, ter que atender a persoas afectadas pola covid-19 sen ser realmente un servizo sanitario e para iso houbo que prepararse, buscar persoal... e foi moi duro".
Tamén realizaron prestacións inéditas ata o momento e que solicitaban os concellos, aos que tamén agradece a implicación recibida.
E neste vórtice sociosanitario fai unha chamada "para que nosas auxiliares sexan vacinadas, porque aínda que non están dentro dunha residencia ou un hospital é fundamental a vacina. Somos unha rede máis grande que por exemplo as residencias e podemos poñer en risco a saúde de moitas persoas que ademais son persoas vulnerables. É fundamental que se vacinen xa".