Milleiros de devotos acoden aos Milagres de Amil
Por Diego Torrado
Sen incidencias de gravidade desenvolveuse a tradicional romaxe de Nosa Señora dos Milagres de Amil a pesar das miles de persoas que se achegaron ata o santuario de Moraña.
Durante toda a fin de semana, os devotos realizaron o percorrido ata Amil e detectouse máis asistencia que en anos anteriores. O momento en que se reuniron máis fieis produciuse na misa das 13 horas para participar despois na procesión. As imaxes volveron encherse de billetes que foron deixando os fieis durante estas xornadas.
Os membros de Protección Civil foron os encargados de atender os mareos e problemas musculares que algúns dos asistentes sufriron tras percorrer, nalgúns casos, ata 20 quilómetros para asistir ata o santuario.
A vindeira fin de semana continuarán as actividades relixiosas coa celebración da festa de Nosa Señora de Guadalupe na parroquia.