Pontevedra, Poio, Marín e Sanxenxo acumulan dous de cada tres novos contaxios na área
Por Alejandro Espiño
Catro municipios da área sanitaria, Pontevedra, Poio, Marín e Sanxenxo, acumulan a inmensa maioría dos novos contaxios que se rexistraron na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, onde hai este martes 1.940 casos activos por covid-19.
Ata 27 infectados máis se sumaron aos casos activos en Poio, que se sitúan en 391. Isto provoca que a incidencia acumulada a 14 días superase os 2.000 casos por cada 100.000 habitantes, o dobre do que fixa a Xunta para considerar o nivel de alerta extremo.
Pontevedra tamén rexistra, un día máis, un notable aumento dos contaxiados. Segundo informa o goberno municipal, este martes hai 437 casos activos por covid-19, 22 máis que onte. No caso da capital, a incidencia acumulada sitúase en 470.
Este incremento da incidencia repítese en Sanxenxo, onde os casos activos chegaron ata os 130. Son catorce máis nas últimas 24 horas. E en Marín, pola súa banda, súmanse ás estatísticas ata 18 novos infectados, ata un total de 103.
No caso de Vilagarcía de Arousa, os casos activos son 159. Son cinco máis que onte. Seis son os novos positivos, pola súa banda, que rexistra Vilanova de Arousa, que conta con 47 contaxiados.
Moraña, que supera por vez primeira unha incidencia acumulada a 14 días de 1.000 casos por cada 100.000 habitantes, e A Lama, suman catro novos positivos cada un e sitúanse este martes con 43 e 30 casos activos respectivamente.
Meis, con 47 (dous máis); Cambados, con 46 (un máis), Barro, con 21 (un máis); Meaño, con 18 (un máis); ou Cerdedo-Cotobade, con 16 (dous máis) tamén aumentan os seus casos activos con respecto á xornada do luns.
O caso contrario prodúcese en Bueu onde a incidencia da pandemia, con 37 casos (un menos), mellora lixeiramente. O mesmo ocorre en Cuntis, que baixa a 35 infectados (un menos); e Ribadumia, que ten dez casos activos, tamén un menos que onte.
A incidencia acumulada a 14 días de cada municipio, a partir dos datos proporcionados polo Servizo Galego de Saúde, pódense consultar no mapa que acompaña a esta información.
Relacionadas:
-
Marín pospón dúas semanas a súa actividade política
Por Redacción |
-
A área sanitaria, desbordada: 2.022 casos activos de covid-19 e 134 hospitalizados tras 165 novos contaxios
Por Alejandro Espiño |
-
Un gromo de covid-19 en Medicina Interna de Montecelo afecta once sanitarios e seis pacientes
Por Alejandro Espiño & Natalia Puga |
-
A saturación de Montecelo obriga a trasladar pacientes con covid-19 ao Hospital do Salnés
Por Natalia Puga |
-
Continúa a escalada: 216 novos contaxios por covid-19 na área sanitaria nas últimas horas
Por Redacción |