Sanidade adianta prazos e as primeiras vacinas fronte á covid-19 da área sanitaria póñense este martes en Vilagarcía
Por Natalia Puga
As vacinacións fronte á covid-19 adiantaranse finalmente a este martes 29 de decembro. A Consellería de Sanidade decidiu usar xa as 350 doses que quedaron en reserva o domingo tras as inxeccións na residencia sociosanitaria Porta do Camiño de Santiago e fará unha primeira quenda de inmunizacións en cada área sanitaria galega.
No caso da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, a vacinación chegará este martes ás 11.00 horas ao fogar residencial Servisenior de Vilagarcía.
Segundo a información facilitada pola Consellería, decidiron facer finalmente este martes esta vacinación e non agardar ao mércores como estaba anunciado co obxectivo de "non perder un só día no plan de vacinación" fronte a covid-19
Trátase dunha decisión avalada polo Comité Clínico de especialistas que fai seguimento á pandemia en Galicia, que se reuniu este luns, e chegará a sete centros, un por cada área sanitaria galega.
Na área sanitaria de A Coruña-Cee actuarase no fogar residencial Bellolar, na área de Ferrol será na residencia de maiores de Caranza, en Lugo empezarán pola residencia de maiores de Burela, en Ourense estrearanse na vivenda comunitaria residencial San Marcos, en Santiago seguirán pola residencia Los Arcángeles e en Vigo será na residencia Santa Ana.
No caso de Pontevedra, o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez Fernández, acudirá a esta primeira xornada de vacinación acompañado polo director de Enfermaría, Juan Alberto Vázquez Vilar e por responsables do fogar residencial.
Relacionadas:
-
A Xunta agarda rematar a vacinación da primeira dose a mediados deste mes de xaneiro
Por Oskar Viéitez |
-
María Ana, a primeira pontevedresa en vacinarse contra a covid-19: "No lo sentí para nada"
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Barro pasa nunha semana do nivel básico de restricións ao medio alto polo avance imparable da covid-19
Por Natalia Puga |
-
Atrasan ao mércores o inicio da vacunación da covid-19 en Pontevedra
Por Redacción |
-
Nieves Cabo, primeira galega en recibir a vacina da covid-19: "Estou contentísima"
Por Alejandro Espiño |