Ponte Caldelas organiza un curso para obter a graduado ESO para adultos
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas volverá organizar no 2021 un curso gratuíto para a preparación do exame de graduado en ESO, un título básico necesario para abrir as portas do mercado laboral a moitas persoas ao ser obrigatorio para obter certificados de profesionalidade ou para presentarse a calquera oposición.
O curso está financiado polo Concello e iniciarase o próximo 11 de xaneiro. Durará ata o 21 de maio e as clases impartiranse os luns, mércores e venres en horario de 10 a 13 horas na casa da cultura de Ponte Caldelas.
Todas as persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes no despacho de alcaldía do Concello. O obxectivo do goberno local é continuar coa loita contra o abandono escolar e facilitar á cidadanía a base necesaria para que non pechen as portas a outras actividades formativas ou laborais.