Pontevedra pedirá o sábado a liberdade de cinco presos cubanos encarcerados en Estados Unidos
Por Redacción
Pontevedra pedirá o próximo sábado 14 de setembro a liberdade para os cinco cidadáns presos en Estados Unidos dende setembro de 1998. Será nun acto previsto para as 12.00 horas na praza da Peregrina organizado pola Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil.
O presidente da asociación, Valentín Alvite, e o cónsul xeral de Cuba para Galicia, Asturias e Cantabria, José Antonio Solana Fernández, presentaron a concentración este luns ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, na que foi a primeira reunión desta entidade co rexedor capitalino.
A asociación, que conta cuns 200 socios, ten a súa sede en Vigo e con reunións como a mantida con Lores buscan divulgar a súa existencia e actividades. Neste acto en concreto, presentar ao alcalde a concentración, que na provincia se celebrará só na cidade de Pontevedra, e solicitar respaldos para esta.
Os cinco cidadáns cubanos para os que se pide a liberdade son Antonio Guerrero, Fernando González, Gerardo Hernández, Ramón Labañino e René González, que este mes cumpren 15 anos encarcerados malia que "moitas persoas de diferentes países defenden a súa inocencia, utilizando como argumentos non valoracións subxectivas, senón unicamente datos recollidos por organismos ou por xornais de Estados Unidos, de Europa e de Sudamérica facilmente comprobables".
Segundo indica a asociación Francisco Villamil, os cinco estaban infiltrados nos grupos terroristas cubanoamericanos establecidos en Florida, pero ningún "causara ningún dano a ningunha persoa", senón que a súa actividade "consistira en obter información sobre os citados grupos terroristas que teñen dado morte a miles de persoas de Cuba e doutras países". "Unha multitude de voces denuncia a inxustiza de que persoas que non causaron ningún dano estean privadas de liberdade mentres individuos que admiten publicamente os seus crimes camiñan polas rúas con total impunidade", conclúe Valentín Alvite.