A Deputacion licita as obras de dous colectores, para Baltar e Taboadelo
Por Redacción
A xunta de goberno da Deputación acaba de aprobar a licitación das obras: "Colector en Taboadelo" e "Colector Baltar-Xuntáns (Ponte Caldelas)" cun presuposto total de 190.207 euros, dentro dos acordos alcanzados entre o presidente do organismo provincial, Rafael Louzán, e o alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, e que están incluídos dentro do Plan de Investimentos da Deputación (PID) para o ano 2012-13.
No caso concreto de Taboadelo, o investimento de 102.564,09 euros irá destinado a construír o colector principal que una este núcleo rural coa parcela na que se situará a futura EDAR, coa especial dificultade de ter que instalar unha canalización para conservar o regadío existente.
O colector para augas fecais terá un diámetro de 315 mm. e unha lonxitude de 250 metros lineais. A canalización para canalizar o regadío terá distintas dimensións en función das necesidades.
En Taboadelo, o Concello xa acometeu en anos sucesivos varios tramos de rede de sumidoiros cun investimento total de 150.000 euros que agora se completará con esta obra. Así mesmo, o alcalde espera que o saneamento neste lugar poida entrar en funcionamento o próximo verán toda vez que incluirá a construción da EDAR de Taboadelo dentro do novo Plan de Obras e Servizos da Deputación, que acaba de ser aprobado para os concellos da provincia.
UNHA OBRA QUE FACILITARÁ O SANEAMENTO EN BALTAR
En canto á outra obra (outro colector para o saneamento de Baltar) o Concello contará coa axuda da Deputación para a construción do colector Baltar-Xustáns, valorada en 87.643,28 euros, que contempla a instalación dunha condución de augas fecais na marxe da estrada A Reigosa-Xustáns entre Baltar e a entrada ao lugar de Sobreiro, onde xa existe a rede de rede de sumidoiros.
Esta outra obra dará servizo a un número importante de vivendas no lugar Baltar. Así mesmo, a EDAR de Xustáns está en condicións de asumir as achegas deste colector toda vez que no seu día a súa instalación xa se dimensionou para atender unha poboación aproximada dunhas 600 persoas, moi superior á totalidade dos residentes en toda a parroquia de Xustáns.
Así, coa construción deste colector de 1.000 metros lineais, Baltar quedará conectado coa EDAR de Xustáns, que actualmente depura as augas residuais dos lugares de Sobreiro e Chan do Casal.
Xa en Baltar, o Concello acometera en 2011 unha primeira fase da rede de saneamento coa instalación de 1.500 metros lineais de colector, cun investimento de 110.000 euros.