O TSXG rexeita obrigar á Xunta a establecer, de inmediato, mecanismos online para evitar contacto físico entre alumnado e docentes
Por Redacción
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou obrigar á Consellería de Educación da Xunta de Galicia a adoptar medidas cautelarísimas que solicitara unha familia contraria a que os seus menores asistisen a clase de forma presencial durante a pandemia da covid-19.
O alto tribunal galego rexeita, nun auto, ordenar á Xunta a que estableza os mecanismos online que sexan necesarios para evitar todo contacto físico con persoal docente alleo aos fogares dos menores, e tamén rexeita o cesamento da tramitación dos protocolos de absentismo ou, de ser o caso, a non incoación deses protocolos durante a tramitación do procedemento xudicial.
A resolución, que parte da sección terceira da Sala do contencioso-administrativo, sinala que nesta fase procedemental o tribunal non debe valorar a cuestión de fondo, que queda reservado ao momento da sentenza. O auto só refírese a esasa medidas cautelarísimas esixidas por unha das familias demandantes. Estas medidas, segundo afirman os maxistrados, só se adoptan cando se pon de manifesto unha urxencia especial ou extraordinaria.
O Tribunal considera que a familia, parte solicitante, non acreditou razóns para que se adopten esas medidas cautelarísimas. Entende que detras das medidas que establece a Xunta subxace o interese en evitar a aglomeración de alumnos, de procurar que se respecten as medidas de distanciamento e de protexer a saúde pública facendo fronte aos gromos e ás cadeas de transmisión existentes, tentando garantir a súa contención. Por este motivo, considera que a non asistencia aos centros educativos e o cesamento dos trámites por absentismo "constitúe a cuestión de fondo, cuxo axuizamento non pode anticiparse en ningunha incidente cautelar do tipo que sexa".
O TSXG ordena continuar coa tramitación do procedemento como medida cautelar. Examinará as alegacións da Xunta, un aspecto que non se permite nas medidas cautelarísimas, e despois decidirá se adopta as medidas solicitadas pola familia. O Superior atenderá o caso de cada familia concreta que se opón á asistencia presencial ás clases porque, sinala, cada caso ten unhas características particulares.