Caldas recibe unha achega do Ministerio de Transición Ecolóxica para reforzar a compostaxe doméstica
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis vén de recibir unha subvención de 16.240 euros procedentes do Ministerio de Transición Ecolóxica que serán destinados ao reforzo das estratexias de compostaxe mediante a posta en marcha dun novo proxecto de compostaxe doméstica.
O total da iniciativa ascende a 23.300 euros que serán completados con fondos municipais.
O obxectivo que persegue o Concello co programa presentado ante o Ministerio é o de seguir avanzando nunha planificación máis efectiva da xestión dos residuos orgánicos cun modelo de xestión adaptado ás peculiaridades do Concello de Caldas de Reis. Para iso, o proxecto establece a distribución de 175 novos composteiros individuais e a posta en marcha dunha potente campaña de sensibilización encamiñada a reducir a cantidade de restos orgánicos xerada e, finalmente, lograr unha correcta valorización da mesma.
O obxectivo específico é alcanzar un 25 % de valorización material orgánico no ano 2024 e lograr que a porcentaxe de impropios sexa daquela menos do 20%.
O ámbito de actuación deste novo proxecto de compostaxe doméstica serán as contornas rurais do concello, é dicir, todas as parroquias fóra de Santo Tomé e Santa María de Caldas de Reis. Porén, a iniciativa irá destinada a aqueles habitantes que residan nunha vivenda individual e presenten unha parcela onde poder facer uso do compost elaborado.
Segundo o estudo realizado previamente o plan contempla nesta primeira fase a instalación de 175 composteiros domésticos e a realización dunha sondaxe para saber realmente cuantos cidadáns necesitarían este material. O número de habitantes involucrados ascendería a un total de 525 persoas, o que segundo os cálculos realizados permitirá a valorización de 95 toneladas de materia orgánica e a produción de entre 43 e 33 toneladas de compost anuais.
A iniciativa vai parella a unha importante campaña de sensibilización e formación co obxectivo de chegar á toda a poboación de Caldas de Reis.
Esta actuación servirá para reforzar os programas de compostaxe xa iniciados en Caldas de Reis a través do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra mediante o que se manteñen en funcionamento 4 estacións de compostaxe comunitaria distribuídas polo casco urbano e 33 composteiros individuais.
O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel González, celebrou a concesión desta subvención e afirmou que "é unha gran noticia tanto para o medio ambiente como para o Concello e para os propios caldenses".
Segundo o edil, "a achega, permitiranos poñer en marcha unha estratexia moi ambiciosa e continuar coa firme aposta do Goberno local pola compostaxe como modelo de xestión sostible da materia orgánica, pois é moi importante reducir este tipo de residuos nun momento no que as normativas europeas camiñan cara a eliminación do colector verde".