Activan o plan anti contaminación marítima tras localizar unha mancha de fuel na ría de Arousa
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un amplo despregamento de medios de Salvamento Marítimo, os Gardacostas de Galicia e administracións locais traballan na tarde deste martes para controlar a evolución dunha mancha de fuel detectada na ría de Arousa.
A situación xerada obrigou á Xunta de Galicia a activar o Plan Territorial de Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan Camgal) en situación 2, é dicir, o nivel medio de emerxencia. O plan activouse de xeito preventivo ante a aparición dunha mancha de 1.500x400 metros nas inmediacións da ría de Arousa, fóra da costa, en concreto entre Ribeira e a illa da Rúa. Está derivando cara mar aberto.
Como exemplo gráfico, desde o Ministerio de Transportes sinalan que a mancha de fuel ten o tamaño duns 15 campos de fútbol.
Segundo informou a Delegación do Goberno en Galicia, a embarcación Salvamar Sargadelos, o buque Don Inda, o avión Sasemar 102 e unidades da Xunta e de concellos limítrofes están a realizar traballo conxunto para conter e recoller a mancha.
Por parte dos Gardacostas de Galicia mobilizouse ata a zona dous buques e dúas patrulleiras. Trátase dos buques Irmáns García Nodal e Paio Gómez Chariño e as patrulleiras Punta Falcoeiro e Punta Roncadoira con persoal do Servizo de Gardacostas para sumarse aos efectivos de Salvamento Marítimo do Estado.
Salvamento do Estado coordina o operativo co obxectivo de evitar que o combustible chegue á costa.
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, comunicou a activación do plan da comunidade autónoma de Galicia ao delegado do Goberno, Javier Losada, a quen lle solicitou a activación do Plan Marítimo Nacional, que é o que corresponde ao tratarse dun episodio no mar e mentres que a contaminación non chegue á costa. O subdirector xeral do Servizo de Gardacostas, Lino Sexto, desprazouse á zona.
A mancha foi detectada por un avión de Salvamento Marítimo que estaba realizando un voo de observación pola zona.
Durante a noite manterase o dispositivo de limpeza na zona e reanudaranse as operacións de recollida tras o amencer. Ademais, Capitanía Marítima está
investigando a posible orixe do derrame mediante a análise da mancha, a súa ubicación e tipoloxía.
Como medida preventiva, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) estableceu tamén un peche cautelar no único polígono de bateas que estaba aberto na zona, o Ribeira B.
Os niveis de activación plan Camgal adáptanse aos utilizados por Protección Civil segundo indica o Sistema Nacional de Resposta e son Situacións 0, 1, 2 e 3. A situación 0 actívase cando se sospeita que unha contaminación significativa pode chegar á costa, tanto se procede do mar como dunha instalación en terra. A situación 1 fai referencia ao nivel mínimo de emerxencia, a situación 2 ao nivel medio e a 3 ao nivel máximo de emerxencia.
Relacionadas:
-
A ría de Arousa mantén "pequenas irisacións" tras a desaparición da mancha de fuel
Por Redacción |
-
As autoridades acreditan que a mancha de fuel na ría de Arousa xa desapareceu
Por Redacción |
-
Sospeitan que a mancha de fuel aparecida na ría de Arousa procede dunha vertedura desde terra
Por Alejandro Espiño |