Sanidade aprecia unha "incidencia menor" da covid-19 en Pontevedra pero manterá as restricións
Por Alejandro Espiño
A incidencia global da covid-19 en Pontevedra é "menor" que a observada en semanas anteriores. Así o acredita o informe da Dirección Xeral de Saúde sobre a situación epidemiolóxica da comarca. A pesar diso, por agora, manteranse as restricións.
Por municipios, Sanidade destaca a redución na taxa a 14 días de municipios como Pontevedra e Poio, que eran os concellos cun maior número de casos.
Aínda así, os estudos das autoridades sanitarias seguen apreciando "indicadores de risco" como a taxa acumulada a tres días ou a porcentaxe de PCR positivas entre os contactos estreitos relacionados cun dos brotes máis recentes.
Isto provoca que as taxas de incidencia en Pontevedra, aínda que mostran "certa estabilidade" tras unha melloría anterior, sigan sendo superiores á media galega. Por iso, Sanidade recomenda manter as medidas xa establecidas en ambos os municipos.
No caso de Marín, engade o informe de Saúde Pública, as autoridades aprecian unha transmisión "activa" do virus, xerándose máis dun contaxio por cada positivo.
Os grupos de idade máis afectados, que son as persoas mozas, "poderían favorecer a transmisión da enfermidade" ante a alta proporción de pacientes asintomáticos, conclúe o estudo realizado por Sanidade, que tamén ordena continuar coas restricións.
Sanidade acordou continuar co seguimento nos municipios do Salnés que tamén foron incluídos na listaxe de zonas con especial restrición: Vilagarcía, Vilanova, Sanxenxo, Meis e Cambados.
A pesar de que a situación desta segunda onda mellorou en todos estes municipios, os expertos recomendan continuar coas medidas establecidas "coa fin de asegurar o control da situación epidemiolóxica".
As taxas acumuladas da comarca do Salnés están por baixo da media galega, salvo os indicadores a 14 días en Vilanova, Cambados e Meis. Ademais, segundo Sanidade, detectáronse novos positivos cada día en Vilagarcía ao longo da última semana.
Relacionadas:
-
Pontevedra cae por debaixo dos 600 casos activos por covid-19 despois de 24 días
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Estatísticas oficiais elevan a 48 os mortos en Pontevedra tras ingresar por covid-19, pero só 23 faleceron coa enfermidade
Por Natalia Puga |
-
30 novos positivos e 47 curados de covid-19 na área sanitaria de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Morre unha muller de 66 anos hospitalizada en Montecelo elevando a 23 a cifra de falecidos polo virus nesta área
Por Oskar Viéitez |