Vilaboa mantén a súa primeira Comisión Local de Seguridade
Por Redacción
Maica Larriba, subdelegada do Goberno en Pontevedra, presidía este xoves 8 a primeira reunión da Comisión Local de Seguridade que se celebra no Concello de Vilaboa, acompañada polo alcalde do municipio César Poza.
O coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra Simón Venzal e outros representantes municipais tamén asistían a este encontro nun Concello que carece de Policía Local.
Con esta Comisión, segundo explicaba Maica Larriba, créase un órgano de cooperación e colaboración para coordinar as accións do Concello coas actuacións da Garda Civil na localidade garantindo a seguridade da cidadanía.
Esta Comisión realízase a pedimento do alcalde César Poza durante a reunión que mantivo coa subdelegada no mes de setembro. Hai que lembrar que o Concello de Vilaboa é un dos afectados polas medidas restritivas establecidas pola Xunta con motivo da expansión da covid-19. Neste sentido, o alcalde sinala que con este encontro se coñecen mellor os datos de seguridade da vila e os mecanismos para favorecer a cooperación e colaboración coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
Maica Larriba afirma que existe un estancamento do índice de criminalidade neste municipio, que contabilizou o mesmo número de delitos durante o primeiros oito meses de 2020 que durante o mesmo período de 2019. A taxa media sitúase en 10 infraccións penais ao mes, unha cifra que, segundo a subdelegada, permite afirmar que "Vilaboa é un Concello seguro".
O maior descenso de infraccións respecto a 2019 contémplase no apartado de delitos graves contra o patrimonio. A subdelegada sinalou que haberá un maior achegamento entre as distintas administracións a partir desta reunión
Vilaboa é o segundo municipio da provincia que conta con esta Comisión Local de Seguridade, que se pon en marcha en Concellos sen efectivos da Policía Local, tras a constitución do mesmo órgano no Concello de Meis este luns 5 de outubro.