Organizan actividades gratuítas para coñecer o patrimonio marítimo pesqueiro de Poio
Por Oskar Viéitez
O Grupo de Acción Costeira Ría de Pontevedra continúa coa organización das actividades do Programa Gacstroderías, de dinamización dos municipios costeiros da Ría de Pontevedra. O programa comezou no mes de xullo, coincidindo coa Festa da Ameixa de Poio, coa exposición fotográfica A pesca e o marisqueo na ría de Pontevedra, pasado e presente, e a proxección do audiovisual A muller e o mar.
As actividades do programa continuarán durante os días 18, 19 e 20 de setembro e incluirán visitas guiadas e obradoiros de degustación de produtos do mar locais, que permitirán divulgar o patrimonio cultural marítimo pesqueiro do Concello de Poio e coñecer a historia, costumes, medios de traballo e organización do colectivo pesqueiro e marisqueiro da localidade.
As actividades programadas son:
ITINERARIO 1. As praias de Poio, fonte de traballo e riqueza
Neste percorrido realizarase unha visita a unha praia de marisqueo durante unha xornada de traballo das mariscadoras a pé. A visita será guiada polas mariscadoras da Asociación Mulleres do Mar de Poio, que contan con formación e experiencia en actividades de turismo mariñeiro.
- 10:30. Punto de encontro en O Ameixal, (Poio). O público recibirá unhas instrucións básicas, consellos útiles e botas de auga para acceder á zona de traballo.
- 11:15. Visita guiada á zona de marisqueo. Darase ás persoas asistentes información de contexto sobre as características das zonas de extracción, especies que capturan, artes coas que traballan, días máximos de actividade, regulación das zonas de marisqueo, etc., cunha linguaxe sinxela e clara.
SHOWCOOKING: Cociñando á beira do mar
Realización de tres sesións de obradoiros gastronómicos con elaboración de receitas baseadas no produto local e da ría en xeral, e degustación in situ.
En cada sesión, Luis Ferreiro, chef executivo do Grupo Ruta Jacobea preparará á vista do público catro receitas que irá explicando paso a paso, que terán como ingrediente principal un peixe ou marisco da ría. Unha vez elaborado, cada prato servirase ao público, que poderá catalo. Ademais, amosarase como tratar os produtos do mar na cociña, desde a identificación do grado de frescura, limpeza de peixes e mariscos, ao empratado e presentación dos pratos. As persoas participantes recibirán un folleto explicativo dos pasos a seguir para reproducir as receitas na súa casa.
Paralelamente, nunha sala anexa está prevista a instalación dun posto de exhibición e venda de produtos de artesanía do mar elaborados por redeiras e colareiras de Galicia.
ITINERARIO 2. Comercialización de moluscos. Visita á lonxa de Campelo e á depuradora Mariscos de Campelo
- 16:30. Punto de encontro. Lonxa de Campelo. Coñeceremos as instalación, o procedemento para a clasificación de moluscos en función da especie e tamaño, o sistema de poxa e primeira venda. Proporcionarase ás persoas participantes información sobre as principais especies, volume de capturas e vendas anuais, organización e funcionamento da lonxa.
- 17:15. Visita guiada á depuradora Mariscos de Campelo. O público coñecerá as instalacións e funcionamento dunha depuradora de moluscos e recibirá información sobre o seu consumo, seguridade alimentaria e etiquetado.
ITINERARIO 3. Porto e casco histórico de Combarro: a vida nunha vila mariñeira.
Exposición fotográfica A pesca e o marisqueo na Ría de Pontevedra: pasado e presente
- 19:00. Punto de encontro: Muelle de A Canteira, Combarro, frente ao local da empresa Barcos de Arousa. Visita ao porto de Combarro: características da flota de baixura, volume de embarcacións, tipos de embarcacións e especies que capturan, alternancia de artes, tipos de aparellos que usan, servizos do porto.
- 19:30. Visita ao casco histórico de Combarro: historia da vila, elementos da arquitectura típica: casas mariñeiras, hórreos e cruceiros, costumes e saberes populares.
- 20:15. Visita á exposición fotográfica: A pesca e o marisqueo na Ría de Pontevedra, pasado e presente na Escola do Campo de Combarro, formada por imaxes cedidas polo arquivo gráfico da Deputación de Pontevedra e imaxes propias do GAC6.
Todas as actividades son gratuítas, e pódese asistir a máis dunha actividade. O número máximo de asistentes é de 50 persoas por actividade. ÿ necesario inscribirse previamente no teléfono 886 21 30 15, no correo gacpontevedra@gmail.com ou en https://www.facebook.com/gac.riadepontevedra