Héroes de Ponte Sampaio denuncia o abandono da Illa de Medal
Por Redacción
A Asociación de Veciños Héroes de Ponte Sampaio mostra o seu malestar fronte o estado de abandono que, segundo entenden os seus integrantes, presenta a Illa de Medal situada na parroquia pontevedresa.
O colectivo que preside Ramón Agulla esixe ao Concello de Pontevedra a inmediata recuperación da iluminación pública neste espazo natural. Afirman que leva dous anos sen este servizo e desde Heroes de Ponte Sampaio lamentan que esta insua situada na desembocadura do río Verdugo se atope en situación de abandono, despois dun investimento importante na súa recuperación coa dotación de proxectores enfocados aos puntos emblemáticos da illa,
A asociación tamén critica a falta de iluminación pública noutras zonas da parroquia, principalmente na PO-264, antiga estrada nacional que percorre o tramo desde a N-550 ata a ponte medieval. Segundo indican, a iluminación sofre avarías constantes, unha situación que tamén se produce no barrio de As Laceiras.
Neste sentido, Ramón Agulla afirma que cando se rexistran avarías individuais nalgúns lugares da parroquia, os veciños chegan a esperar ata dous meses para que se arranxen os problemas da iluminación pública.