Poboación de Ponte Sampaio, A Canicouva e Soutomaior reclama un servizo sanitario digno
Por Redacción
Decenas de persoas protagonizaron a últimas horas da tarde do venres 28 de agosto unha concentración cidadá na ponte medieval que une a parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio con Arcade (Soutomaior). A protesta, convocada polo BNG e pola plataforma veciñal Ponte Sampaio - A Canicouva, céntrase na petición da recuperación da actividade sanitaria nos consultorios médicos de Romariz e de Ponte Sampaio.
Manu Lourenzo, deputado do BNG no Parlamento e portavoz do BNG en Soutomaior, e a concelleira pontevedresa Carme da Silva denuncian a actitude que mantén a Xunta de Galicia e que está a prexudicar a este importante núcleo de poboación mantendo desde hai cinco meses pechado o consultorio de Romariz, no municipio de Soutomaior, e cunha apertura parcial, sen atención médica, no consultorio de Ponte Sampaio.
Esta situación provoca, segundo os convocantes, unha perda da calidade da atención sanitaria porque os usuarios teñen que desprazarse ata o centro de saúde Virxe Peregrina de Pontevedra para acudir a unha consulta médica.
Desde a plataforma veciñal sinalan que os pacientes están obrigados a esperar ata dez días para ser atendidos nunha cita de atención primaria telefónica. Ante esta situación, os residentes nestas zonas terminan optando por acudir directamente aos servizos de Urxencias ou a consultas privadas.
Demandan á Consellería de Sanidade que se recupere a atención que se daba nestes centros sanitarios antes do inicio da pandemia. No caso de que non se produza un cambio neste sentido, os convocantes anuncian que se manterán as protestas para reclamar un servizo sanitario digno e evitar o desmantelamento da sanidade pública.