Tropeza contra o mando de avante e o barco remata enriba dunha pasarela do Porto Deportivo de Sanxenxo
Por Redacción
O patrón dunha embarcación lixeira de moito motor protagonizaba ao redor das 21.00 horas deste domingo 23 unha imaxe sorprendente no Porto Deportivo Juan Carlos I no municipio de Sanxenxo.
O home tentaba realizar as manobras de atracada cando ao tropezar, golpeou o mando de avante e o barco subíase á pasarela. Este mando de avante é unha especie de acelerador nas embarcacións do mesmo xeito que un acelerador do coche. O golpe provocou que a proa da embarcación impactase coa pasarela e terminara subindo polo pantalán de acceso aos barcos atracados.
Segundo informan desde o Concello de Sanxenxo, a pesar do impactante da imaxe non se rexistrou ningún ferido nin os danos materiais foron importantes.
A embarcación baixábase ao longo da noite coa axuda de operarios de Nauta utilizando rodetes e realizando a operación a man nun traballo que levou varias horas. A pasarela do porto xa se atopa reparada e o barco foi trasladado para a súa revisión.