As augas da praia do Preguntoiro de Vilagarcía volven ser aptas para o baño
Por Redacción
A praia do Preguntoiro de Vilagarcía volve lucir desde o mediodía deste mércores a bandeira verde que confirma o bo estado das augas de baño e que tivera que retirarse a semana pasada.
A bandeira volveu izarse no areal vilaxoanés porque o Concello recibiu a comunicación da Consellería de Sanidade de que se dá por finalizado o episodio de contaminación microbiolóxica detectado na mostra tomada o pasado xoves 13 de agosto.
A comunicación de Sanidade refírese á última mostraxe, a tomada o domingo 16 de agosto, cuxa analítica apunta que os niveis de E-coli xa se atopaban ese día en "niveis aceptables" que "non supoñen un risco para a saude". En consecuencia, levántase a "non recomendación" de baño que rexeu no areal durante os días nos que permaneceu izada a bandeira amarela.
A falta de estudos que confirmen a orixe do vertido que está a contaminar as augas, sospéitase que se atope na rúa do Freixo. De ser así, a solución ao problema estaría próxima, pois o Concello xa ten programado para este ano, dentro do Plan Concellos da Deputación cun investimento de 148.571 euros, o ensanche desa rúa, xunto coa renovación total e ampliación das redes de augas residuais e de pluviais, instalacións que actualmente son moi antigas e están obsoletas.
O Concello dará prioridade á execución desta obra para corrixir canto antes o problema e garantir que as augas do Preguntoiro manteñan de forma constante o nivel de excelencia do que viñan gozando nos últimos anos.