Suspenden os actos de celebración do Día de Galiza Mártir na Caeira e Pontevedra por mor da chuvia
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A choiva obrigou a suspender todos os actos previstos para este luns 17 de agosto en Poio e Pontevedra con motivo do Día da Galiza Mártir e tan só no monumento dedicado á memoria de Alexandre Bóveda na Caeira o Concello de Poio fixo unha pequena e íntima ofrenda floral á unha da tarde na que todos tiveron que usar paraugas.
O pequeno acto contou coa presenza dunha pequena representación da familia Bóveda, entre eles, o neto e a filla do intelectual galeguista, Valentín García Bóveda e Amalia Bóveda. Tamén estiveron os alcaldes de Poio e Pontevedra, Nito Sobral e Miguel Anxo Fernández Lores; a concelleira de Memoria Histórica de Poio, Marga Caldas; e representantes da Deputación de Pontevedra, e do PP de Poio, a través do seu presidente, Ángel Moldes.
A Fundación Alexandre Bóveda e o Concello de Poio decidiron suspender os actos públicos previstos de celebración do Día de Galiza Mártir na Caeira, en Poio, diante do monumento dedicado á memoria de Bóveda, e Galiza Nova e o BNG fixeron o mesmo cos programados en Pontevedra pola tarde.
Segundo sinala Valentín García Bóveda, desde a Fundación Alexandre Bóveda, as condicións climatolóxicas que se presentan durante esta xornada resultan incompatibles coas medidas que permitan garantir os protocolos sanitarios e por este motivo os actos públicos aprázanse ata unha nova data na que se poidan desenvolver con normalidade. Esa data aínda está por determinar.
Desde a Fundación convidan, en todo caso, a que os particulares que o desexen se acheguen de forma individual a calquera dos espazos e monumentos nos que este día está simbolizado, tal e como fixeron os concellos de Pontevedra e Poio. Estes espazos atópanse abertos en memoria desta data.
O panteón de Alexandre e Amalia estará aberto no cemiterio de San Amaro desde as 18.00 ata as 19.30 horas e mantense tamén a misa das 18.00 horas.
No caso do BNG, a portavoz nacional, Ana Pontón, que tiña previsto participar nos actos organizados en Pontevedra e Poio finalmente suspendidos, quixo destacar o legado e figura de Alexandre Bóveda, asinado polo fascismo o 17 de agosto de 1936, e sostivo que a grande vitoria de Bóveda "é a existencia dun forte movemento nacionalista galego", como constataron as últimas eleccións autonómicas, nas que o BNG foi a segunda forza e chegou ao seu teito electoral.
Pontón lembrou, a través dunhas declaracións enviadas aos medios de comunicación, que o BNG rexistrou diversas iniciativas parlamentarias para aprobar que o 17 de agosto sexa declarado Día da Galiza Mártir co fin de honrar a Alexandre Bóveda e a todas as vítimas do franquismo, pois ve necesario "intitucionalizar esta data" e desenvolver activades dirixidas ao coñecemento da obra de Bóveda e da súa xeración.
"Necesitamos recuperar esa memoria histórica para que non se reproduzan erros do pasado", sostén a líder do BNG, en especial nun momento no que a extrema dereita está experimentando un auxe