Denuncian un "sustantivo recorte" da Xunta na financiación da Unidade de Drogodependencias
Por Redacción
Unha carta remitida pola Xunta de Galicia a través da FEGAMP confirma os peores augurios do goberno municipal con respecto á Unidade de Drogodependencias de Pontevedra. Tras un "sustantivo recorte", segundo o Concello de Pontevedra, o executivo galego pagará pouco máis da metade dun servizo "que é exclusivamente da súa competencia".
Asegura o goberno local que no 2012, a Xunta achegou para este servizo 414.000 euros. O novo convenio para 14 meses, de xaneiro de 2013 a marzo de 2014, reflicte unha achega de 376.000 euros. Destes datos derívase, din nun comunicado, que a achega anual resulta de 322.000 euros, "polo que o recorte é de case unha cuarta parte do total", uns 92.000 euros.
O custo deste servizo, "competencia exclusiva da Xunta", recorda o Concello, ascende cada ano a 600.000 euros, dos que o goberno autonómico aportará 322.000. Os gastos da unidade abranguen as nóminas de todo o persoal (11 persoas, das que tres son psicólogos, dous psiquiatras, un enfermeiro, unha auxiliar de enfermería, un administrativo, seguridade, monitor de informática e educadora), máis os gastos correntes e de material sanitario.
Ante esta situación, o Concello buscará unha reunión cos responsables da Xunta para tratar este tema e buscar unha saída viable. Recorda que este servizo préstase desde os anos 90 e atende á poboación dos 13 concellos da comarca, aínda que dan servizo a todas as persoas que se acheguen ou sexan derivados desde o departamento de Saúde Mental do Hospital Montecelo.
Todo iso leva ao Concello a concluír o seu comunicado asegurando que a Unidade de Drogodependencias de Pontevedra "resulta un servizo absolutamente imprescindible e necesario, pero polas súas características é claramente unha competencia impropia que debe asumir o SERGAS e a Xunta no ámbito da política sanitaria pública galega".