Carlos Font presume do récord en investimentos da Deputación nas estradas provinciais: 60 millóns de euros
Por Redacción
O deputado provincial Carlos Font fixo balance este xoves das obras en materia de infraestruturas viarias que realizou a Deputación e que ten previstas para os próximos meses. Desta forma ofrecía unha cifra que cualificou como récord histórico desde a institución provincial: 60 millóns de euros investidos en vías provinciais. Esta cantidade repártese entre os 34,1 millóns destinados a obras nas estradas provinciais a través da creación de sendas, melloras urbanísticas ou convenios con outras administracións e os 25,8 millóns destinados aos Concellos para actuacións directas.
Segundo o deputado responsable de Economía e Facenda foron acometidas 400 actuacións de mantemento e conservación de estradas, cun investimento de 4,4 millóns de euros en reposición de firmes, 2,9 millóns en conservación ordinaria, nalgúns casos con dúas actuacións no mesmo ano e destináronse 231.000 euros en tallas de árbores nas marxes das vías, ademais destináronse 501.000 euros a actuacións singulares.
Explicou que tamén o Plan DepoRemse contou cun orzamento de 11 millóns de euros mentres que o Plan de Reequilibrio se dotou de 14 millóns para 25 obras, catro aínda por finalizar.
Font indicou que en total, os 60 millóns destinados á mellora de estradas, teñen como obxectivo converter á provincia de Pontevedra nun referente en mobilidade segura, ademais de fixar poboación e equilibrar o territorio atendendo ás necesidades da poboación e, especialmente, dos peóns do século XXI, mellorando a calidade de vida de toda a provincia con medidas como a ampliación de beirarrúas e instalacións de elementos de acougado do tráfico, en moitos casos a petición tanto dos Concellos como da cidadanía.
O responsable provincial sinalaba que a seguridade viaria é unha das obsesións do goberno bipartito da Deputación e un dos puntos centrais de actuación priorizando ás persoas fronte aos vehículos. Lembrou que a Deputación é responsable de 377 estradas, un total de 1.700 quilómetros de vías que equivalen a cruzar unha vez e media a península Ibérica. Apuntou, neste sentido, que desde 2015 se realizou un labor de mellora en estradas provinciais que se atopaban en situación de abandono, con casos de vías que non foran revisadas en tres décadas, incumprindo normas de seguridade viaria da propia institución provincial.
Carlos Font destacou que a Deputación é unha institución líder en transferencia de diñeiro aos Concellos achegando o 33% do orzamento provincial aos municipios de todas as cores políticas. Desta forma destacaba investimentos millonarios como a realizada en Sanxenxo en Luís Rocafort que superou a cifra de 1,2 millóns de euros ou a senda de Vilanova de Arousa.
Relacionadas:
-
O centro urbano de Campo Lameiro súmase á peonalización
Por Redacción |
-
Rematan as obras de mellora da seguridade viaria na estrada de Curro a San Amaro
Por Redacción |
-
A Deputación aproba unha partida de 2'6 millóns de euros para o Plan Concellos
Por Redacción |
-
O núcleo da Chan en Cerdedo-Cotobade amplía a zona de mellora de mobilidade peonil
Por Redacción |
-
A Deputación contratará catro brigadas para a conservación das estradas provinciais
Por Oskar Viéitez |