Detida unha muller de 59 anos por venda de drogas polo miúdo nunha vivenda do Grove
Por Redacción
A Garda Civil desarticulou un importante punto de venda e distribución de drogas nunha casa do Grove. O operativo concluíu coa detención dunha muller que vivía no inmoble como presunta autora dun delito contra a saúde pública, por tráfico de drogas.
As investigacións iniciáronse hai varios meses, despois de que a Garda Civil tivese coñecemento de que esta casa podíase estar a utilizar como punto de distribución e venda de droga ao ' menudeo.
A actividade desta vivenda situada nunha céntrica rúa do Grove xeraba na veciñanza unha situación de inseguridade pola afluencia de consumidores habituais de estupefacientes que frecuentaban o inmoble.
Os investigadores lograron confirmar as sospeitas e estableceron unha serie de dispositivos de vixilancia nos que os axentes do posto da Garda Civil do Grove interceptaron a varios consumidores habituais inmediatamente despois de comprar a droga nesta vivenda.
Na vivenda vivían dúas persoas, aínda que tan só unha foi detida. Trátase dunha muller de 59 anos con antecedentes policiais relacionados co tráfico de drogas a pequena escala. Quedou en liberdade xa no propio cuartel do Grove coa obrigación de comparecer no Xulgado de Instrución número 3 de Cambados cando sexa requirida.
Os axentes realizaron un rexistro o domicilio e interviñeron diversas cantidades de substancias estupefacientes dispostas para a venda, fundamentalmente, cocaína, heroína, marihuana, substancias de corte e opiáceos.
Ademais, incautaron varias básculas de precisión, utensilios para a almacenaxe, catro cadernos con anotacións das transaccións e diñeiro en efectivo.