A AECC conciencia os cidadáns de Marín sobre a importancia de coidarse fronte ao sol
Por Redacción
A sede local de Marín da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) realizou esta semana unha campaña de prevención solar polas rúas da localidade co obxectivo de concienciar aos cidadáns da importancia de coidarse fronte ao sol para previr o cancro de pel.
Esta campaña desenvolverase nas próximas semanas por diferentes localidades da provincia.
En Marín, as voluntarias repartiron 500 folletos nos que se dan unha serie de recomendacións para protexerse das radiacións solares ou como podes detectar a existencia dun melanoma a través de signos de alerta coa regra ABCDE (Asimetría, Bordo, Cor, Diámetro e Evolución).
Ademais, informouse do traballo que a AECC veu realizando desde que se estableceu o estado de alarma por causa da Covid-19.
Desde o inicio da emerxencia sanitaria, a AECC continuou o seu labor de estar á beira das persoas máis vulnerables. Para iso creouse unha rede de axuda con outras asociacións, concellos, colexios farmaceúticos, empresas e institucións da provincia para poñer á súa disposición os recursos e servizos gratuítos da AECC para que ningún paciente con cancro e familiar sentise só, desatendido ou desinformado.
Os profesionais da AECC Pontevedra e o equipo de voluntariado atenderon as demandas e necesidades deste colectivo no ámbito psicolóxico, social e logopédico a través dos servizos telemáticos e dixitais.
Naqueles casos máis urxentes, continuouse coa entrega de material ortopédico coa máxima seguridade e desinfección (camas articuladas, cadeiras de rodas, guindastres, etc) para garantir o confort e calidade de vida dos pacientes nos seus domicilios, duplicáronse as axudas económicas para sufragar gastos de manutención, farmacia e ofrecéronse vales de alimentos para trocar en supermercados.
Ademais, a AECC Pontevedra tamén prestou apoio emocional a todas as persoas afectadas pola Covid-19, ás familias que perderon a un ser querido e aos profesionais de servizos esenciais para paliar o malestar emocional e tensión xerada por esta situación. Só en Marín foron 100 as intervencións entre o 16 de marzo e o 29 de maio.
Doutra banda, con motivo de celebrar o tradicional peditorio a favor da Asociación Española contra o Cancro, a Xunta Local de Sanxenxo da devandita entidade realizará este venres 7 de agosto a campaña a través das súas voluntarias nas inmediacións do Mercado e da Praza de Pascual Veiga en Sanxenxo e no mercado de Portonovo, lugares onde instalarán unha mesa desde as 11.00 h ata as 13.30 h, tomando as medidas de seguridade e hixiene establecidas debido á situación actual.