A Concellería de mocidade leva o seu programa de verán ás diferentes parroquias de Poio
Por Redacción
Logo da súa estrea o pasado mes de xullo, o programa de actividades de verán impulsado pola Concellería de Benestar Social e Mocidade continúa avanzando. Este martes comezou a segunda sesión do Obradoiro de Manualidades en espazos abertos, que xa se desenvolvera con éxito en Vilariño os días 28 e 29 de xuño. Nesta ocasión, a cita trasladouse á Praza Romay Besada de Samieira.
Esta iniciativa está destinada a cativos maiores de seis anos e desenvólvese entre as 11.00 e as 13.00 horas. A participación é de balde.
Tal e como explica a concelleira responsable deste departamento, a socialista Rosa Fernández, o que se busca é facilitar que rapazada goce do seu tempo de lecer "nos espazos que adoitan a frecuentar nas vacacións, como son as prazas públicas ou as praias".
Este ano, as propostas manuais son do máis variado, xa que os participantes teñen a oportunidade de elaborar un xardín nun tarro de vidro, facer avións con paus de xeado, deseñar ovellas con discos de maquillaxe, dar vida a bonecos con tapóns de cores ou confeccionar axendas. "Queremos estimular a creatividade dos pequenos e pequenas, ao mesmo tempo que lles ofrecemos unha fórmula de lecer alternativa para o verán", indica Fernández.
Esta actividade repetirase ao longo das vindeiras semanas en Campelo e Combarro.
A Concellería de Benestar Social e Mocidade lembra que todas as iniciativas que se desenvolven dentro do programa de verán cumpren de xeito rigoroso coas medidas de protección e distanciamento axeitadas para velar pola saúde dos participantes, dentro do marco derivado da pandemia da Covid-19, que inclúen a separación por grupos e o uso de máscaras por parte da rapazada.
Por outra banda, o departamento municipal decidiu trasladar a setembro o obradoiro de arranxo de bicicletas, que inicialmente se ía desenvolver na tarde deste mércores nos xardíns da Casa Rosada. Trátase dunha actividade pensada para gozar en familia e cuxa inscrición ten un custo de cinco euros.