O concello arranxa en Combarro os Camiños da Bouza e Real
Por Redacción
Os operarios municipais do Concello de Poio levan varias semanas traballando na limpeza e posta a punto dos camiños do rural, nos que se está a acometer tarefas de roza e arranxo de fochancas, entre outras medidas.
A responsable do departamento de Servizos, Chelo Besada, lembra que na actualidade hai dúas cuadrillas, compostas por un total de seis traballadores, que cada día pasan revista aos camiños de titularidade do Concello e "actúan onde sexa necesario". Precisamente, a semana pasada finalizaron os traballos realizados no Camiño da Bouza e no Camiño Real, na parroquia de Combarro.
A tenente de alcalde sinala que o Goberno local apostou por reforzar as cuadrillas con persoal contratado de xeito temporal a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, a través do cal o Concello obtivo 242.000 euros para a incorporación de 24 persoas en situación de desemprego, para desempeñar diferentes labores en varios departamentos municipais.
No caso do arranxo e limpeza de camiños e espazos públicos, Besada lembra, asemade, que nos últimos días procedeuse á posta a punto do Paseo de Campelo, na parroquia de San Xoán. A concelleira socialista é consciente de que este ano este tipo de actuacións non se puideron desenvolver nas datas habituais, debido á paralización de actividade motivada durante varios meses por mor do confinamento. Por iso, procedeuse a reforzar o servizo.
O Concello lembra que dispón dunha canle directa coa veciñanza, a través da cal os cidadás poden poñerse en contacto coa Administración municipal para dar parte de calquera incidencia ou aviso. Trátase da Liña Verde, que está operativa na páxina web municipal. Tamén é posible contactar co Consistorio chamando por teléfono ao 986770001.
O zafarrancho de limpeza de camiños e espazos públicos comezou nas parroquias de Raxó e San Salvador e as cuadrillas van avanzando cara Samieira, Combarro e San Xoán segundo van completando o bacheo e o desbroce.
"Sabemos en que zonas é necesario actuar e temos programadas as actuacións precisas para poñer os camiños a punto, pero a ampla extensión coa que conta o municipio nos seus termos rurais fai que se precise tempo para ir avanzando", conclúe Chelo Besada.