Desmantelan unha festa ilegal a bordo dun veleiro fondeado na Illa de Arousa
Por Redacción
A Garda Civil puxo fin o pasado domingo 26 de xullo a unha festa que se estaba celebrando a bordo dun veleiro que se atopaba fondeado na Illa de Arousa e no que se atopaban unha vintena de persoas.
Segundo informa a Benemérita, desaloxouse a embarcación por superar o número de persoas autorizadas, non levar máscara e non respectar o distanciamento social aconsellado ante a alerta do Covid-19.
Foi unha chamada a que alertou á Comandancia da Garda Civil de Pontevedra de que nas inmediacións da Illa estaba a celebrarse unha festa no interior dun barco con música e moita xente a bordo.
Así, ás 20:50 horas, a patrulleira do Servizo Marítimo da Garda Civil localizou o veleiro fondeado nas proximidades dunha praia, podendo comprobar que na cuberta había unha importante aglomeración de persoas consumindo bebidas alcohólicas e incumprindo a normativa sanitaria.
Ao inspeccionar o veleiro os axentes comprobaron que fora alugado por un veciño de Vilanova de Arousa que, a pesar de que se facía pasar polo patrón do barco, non chegou a presentar ningún título administrativo que o acreditase. Ademais carecía do contrato de arrendamento e tampouco puido demostrar que estaba ao corrente de pago do seguro de responsabilidade civil obrigatorio.
A pesar de que a pasaxe máxima da embarcación é de 12 persoas, a Garda Civil contabilizou a 22. Por todo iso procedeuse a disolver a festa trasladando o veleiro ao peirao de Vilanova de Arousa.
Pola súa banda as pertinentes denunciar administrativas foron remitidas aos órganos competentes, neste caso a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e a Capitanía Marítima de Vilagarcía.