As praias de Sanxenxo, tinguidas pola marea vermella
Por Redacción
Domingo 26 de xullo, bo tempo e as praias de Sanxenxo recibindo a multitude de visitantes. Unha estampa propia de calquera verán á que quixo sumarse esta vez a marea vermella.
Este fenómeno natural, que tingue desta cor a auga da ría, foi protagonista da xornada nalgúns dos areais do municipio.
Trátase dun proceso que non afecta directamente o ser humano e só é daniño para os moluscos, ou máis precisamente fai que non poidan ser consumidos en caso de ser capturados nesas condicións.
A situación alarmou a algúns bañistas, sobre todo visitantes non familiarizados con este fenómeno. Ata tal punto que o propio Concello, para tranquilizalos, difundiu a través do seu perfil de Facebook unha explicación.
"A cor avermellada detectada hoxe na auga dalgúns areais de Sanxenxo está producido por unha floración natural de algas coñecida popularmente como marea vermella. É totalmente inofensiva para os bañistas, pero tóxica para os moluscos", sinalou sobre un proceso que 'coloreou' a xornada de praia na ría.