Sancionan unha muller por ter dúas plantas de marihuana na súa terraza e ser visibles desde a rúa
Por Redacción
A Policía Local de Pontevedra procedeu este mércores 22 de xullo á intervención de dúas plantas de marihuana localizadas nunha vivenda da Avenida de Lugo.
Os axentes, que se atopaban na zona en funcións de vixilancia de espazos públicos, observaron nunha terraza dunha vivenda a existencia de dúas plantas de cannabis dun tamaño considerable, entre metro e metro e medio cada unha.
Debido a este achado, a Policía procedeu a identificar a habitante desa vivenda, que confirmou que se trataba efectivamente de plantas de marihuana alegando que eran para consumo propio, entendendo que non se trataba de algo ilegal.
Os axentes informáronlle que o cultivo particular de cannabis para autoconsumo está despenalizado, aínda que non sexa legal, pero a lei de seguridade cidadá estable como infracción grave o cultivo deste tipo de substancias estupefacientes ou psicotrópicas en lugares visibles ao público, como consideraron que era o caso.
Por todo iso, ademais de incautar as plantas, a Policía Local iniciou unha proposta de sanción de acordo co artigo 36.18 da lei de seguridade cidadá.