O confinamento disparou as estafas por compras na internet en Pontevedra
Por Redacción
A xunta provincial de seguridade, presidida pola subdelegada do Goberno, Maica Larriba, celebrouse este xoves na sede da Subdelegación do Goberno coa participación dos máximos responsables dos corpos e forzas de seguridade da provincia.
Ao tratarse da primeira reunión posterior ao estado de alarma achegáronse os datos do primeiro semestre do ano no que destaca o descenso dos delitos un 7 %. Con todo, produciuse un aumento a través de Internet. "As estafas bancarias por compras da internet tivo nestes meses un forte repunte con respecto ao mesmo período do ano anterior debido as maiores compras que os cidadáns fixeron ao longo destes meses”, detallou a subdelegada.
Coa volta á nova normalidade, os delitos que creceron foron as ameazas de violencia de xénero e os roubos en vehículos. "Estes dous delitos viron un lixeiro incremento a partires do mes de xuño de 2020, o que é moi preocupante”, engadiu Larriba.
Con respecto á celebración o vindeiro domingo das eleccións autonómicas, a subdelegada mantivo que os diferentes corpos policiais do estado despregaranse polos colexios electorais para garantir o dereito a voto de todos os cidadáns.
Sobre a tempada de verán, os integrantes da xunta de seguridade coincidiron en que a afluencia de turistas será menor que noutros anos pero aínda así manterán a súa presenza habitual naqueles lugares de maior concentración. "Trátase de garantir que a provincia de Pontevedra siga a ser un destino turístico seguro como ven ocorrendo nos últimos anos", concluíu Maica Larriba.
Relacionadas:
-
A Garda Civil localiza en Madrid ao presunto autor dunha estafa online a un veciño de Cambados
Por Redacción |
-
A Subdelegación do Goberno lembra a Poio que a súa colaboración coa seguridade do Vao é "constante"
Por Natalia Puga |
-
A ciberdelincuencia non para de crecer e é xa o delito máis numeroso en toda a provincia
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |