Bará pide en Bueu o apoio para o BNG de Ana Pontón como a única esperanza para o voto galeguista
Por Redacción
Luís Bará, candidato do BNG por Pontevedra, ofrecía un mitin en Bueu durante este domingo solicitando que se concentre o voto galeguista na figura de Ana Pontón, candidata do Bloque Nacionalista Galego para presidir a Xunta de Galicia.
Segundo expresou o representante nacionalista, Pontón é a auténtica opción da "esperanza e futuro" para Galicia que permitirá un cambio de goberno. Paulo Ríos Santomé e Miriam Ferradáns, candidatos pola comarca do Bloque, acompañaron a Bará neste encontro coa veciñanza de Bueu onde manifestou que é posible un cambio na Xunta porque existe unha maioría social que o quere e sinalou, neste sentido, que as enquisas demostran que un 60% da poboación non se atopa a gusto cun goberno do PP, tal e como se demostrou nos comicios municipais, apuntou.
O cabeza de cartel lembrou que é necesario que haxa unha gran mobilización por terra, mar e aire, durante a xornada electoral porque a abstención é a gran aliada do Partido Popular, afirmou para lembrar que a maioría de votantes, 700.000 persoas, aínda non decidiron o voto para estas eleccións autonómicas.
Asegurou que o BNG está a mostrar unha tendencia de crecemento imparable e ten dous obxectivos fundamentais nesta cita coas urnas: "derrotar dun golpe á dereita reaccionaria e insolidaria do PP e derrotar ao mesmo tempo o centralismo e a dependencia que nos afoga e que nos paraliza. E en segundo lugar, facer historia poñendo á fronte do noso país unha muller nacionalista, a primeira presidenta da historia de Galiza, Ana Pontón".
Bará tamén tratou temas locais como o problema que sofre a veciñanza da Illa de Ons, entre os que se atopaban numerosos representantes durante o mitin. O representante nacionalista criticou a falta de respecto do goberno do Partido Popular ao non atender as demandas veciñais. E comprometeuse a traballar desde a Xunta para convocar a Mesa por Ons e respectar o acordo sobre o acceso á illa. "O patrimonio da Illa é a súa humanidade", indicou Luís Bará.
Relacionadas:
-
O BNG comprométese a poñer fin a discriminación do rural e vixiar o bo uso dos fondos europeos
Por Oskar Viéitez |
-
Bará leva a campaña ás portas de Abanca e pide a devolución das comisións de mantemento "abusivas"
Por Redacción |
-
Bará márcase como obxectivo mobilizar 700.000 persoas indecisas para lograr que Ana Pontón sexa presidenta da Xunta
Por Redacción |
-
Bará chama a frear as privatizacións e apostar por unha sanidade pública "universal e gratuíta"
Por Redacción |
-
Bará prevé un resultado "histórico" para o BNG nas eleccións galegas
Por Alejandro Espiño |
-
Pontón quere para Galicia unha axenda urbana na que Pontevedra "leva vinte anos de vantaxe"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Bueu pide á Xunta que aclare como será o acceso da veciñanza á illa de Ons
Por Redacción |