Bará aposta por tratar os lodos da dragaxe do Lérez en plantas especializadas e non levalos a Sálvora: "O mar non é un vertedoiro"
Por Redacción
O cabeza de lista do BNG nas eleccións autonómicas do 12 de xullo por Pontevedra, Luís Bará, meteu este sábado na pre campaña a dragaxe e rexeneración do fondo da Ría de Pontevedra, un proxecto pendente para o que o nacionalista aposta por unha proposta consensuada co sector pesqueiro e marisqueiro e por tratar os lodos que saian do río Lérez en plantas especializadas.
Bará visitou as inmediacións do Club Náutico de Pontevedra acompañado do tamén candidato Manuel Lourenzo, das concelleiras Anabel Gulías e Demetrio Gómez Xunqueira e doutros cargos orgánicos e institucionais do BNG e defendeu a necesidade de "sacar do caixón" o anteproxecto que se leva tramitando dende hai nove anos.
Así, garantiu o "compromiso firme" do BNG para impulsalo en caso de que chegue ao Goberno da Xunta para que sexa unha realidade na próxima lexislatura fronte ao "desleixo e inoperancia" do Partido Popular nos últimos anos.
O candidato nacionalista considera que se trata dun proxecto fundamental para conseguir dous obxectivos: recuperar a actividade produtiva no treito final do río dende As Corbaceiras ata as inmediacións de Tambo e facilitar a navegabilidade do río e a operatividade do porto deportivo de Pontevedra.
Ademais, rexeita a idea que se está a barallar nos últimos meses de trasladar os lodos potencialmente contaminantes á foxa situada nas inmediacións da illa de Sálvora, no Parque Nacional das Illas Atlánticas, e aposta pola retirada a terra e o tratamento en plantas especializadas. "O mar non é un vertedoiro que o sostén e o aguanta todo como foi a política equivocada nas últimas décadas", sostén respecto disto.
Relacionadas:
-
O BNG propón tratar en terra os lodos do Lérez para desbloquear o proxecto de dragaxe do río
Por Redacción |
-
O BNG anuncia desde un espazo Rede Natura de Pontevedra a proposta de aumentar esta protección ao 20% de Galicia
Por Redacción |
-
O 'espírito de fraternidade' de Castiñeiras para mobilizar ao electorado do BNG no 12X
Por Redacción |
-
O Parlamento insta á Xunta a tratar en terra os lodos da dragaxe do Lérez
Por Alejandro Espiño |
-
Tratar en terra os lodos máis tóxicos, solución para a dragaxe do Lérez?
Por Alejandro Espiño |
-
A voltas cos lodos previstos na dragaxe do Lérez
Por Redacción |