O aumento das temperaturas nos vindeiros días favorecerá a aparición de fungos nas viñas
Por Redacción
A Estación Fitopatolóxica Areeiro sinala que o ciclo de maduración da viña presenta un lixeiro adianto fronte a 2019 e as previsións de tempo cálido anunciadas para as próximas xornadas favorecerán un maior incremento do tamaño da uva, grazas tamén á humidade dos últimos días.
Séguese advertindo a presenza de mildio en viñas abandonadas e aconsellan aos agricultores que comecen un novo tratamento coa mellora das condicións meteorolóxicas.
Esta subida de temperaturas fai que os técnicos teman un favorecemento do desenvolvemento do oídio, a "blanquilla", un fungo que xa se atopou en moitas das viñas visitadas polos expertos. Afecta a un número importante de acios malia que, polo momento, con escasa incidencia. Desde o Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, recomendan renovar os tratamentos fronte ao mildio e o oídio para evitar o avance da infección.
Tamén se observaron pulgóns nos cítricos, principalmente nos brotes máis novos, e prevese un incremento da súa presenza co bo tempo. Ademais, nestas plantas perciben a aparición de ovos de Psila africana.
E tamén desde a Estación Fitopatolóxica alertan do incremento de eirugas nos buxos cun aumento do seu tamaño.