O Corpus de Cerponzóns contará cunha soa alfombra floral situada diante da Igrexa
Por Redacción
As circunstancias obrigan a que este ano se reduzan os tapices florais habituais en Cerponzóns durante a festividade do Corpus a unha soa alfombra floral, que se creará diante da Igrexa parroquial.
O Grupo Alfombras Florais San Vicente de Cerponzóns xa se puxo en funcionamento para manter esta tradición un ano máis, a pesar das dificultades que provoca a pandemia da Covid-19. Despois de 38 anos e ante a suspensión dos actos que estaban programados na parroquia con motivo desta festividade o vindeiro domingo 21 de xuño, este colectivo decidiu elaborar unha soa alfombra cun formato simbólico.
A través das redes sociais, este grupo solicita á veciñanza que acheguen o material necesario para a elaboración da imaxe para este Corpus. Despois, un grupo de voluntarios encargarase de confeccionala mantendo as medidas de seguridade durante a elaboración.
A diferenza doutros anos, nesta ocasión a celebración do Corpus non se concentrará na contorna da Igrexa parroquial con máis dun quilómetro de flores e demais elementos silvestres adornando o camiño. Pero polo menos crearase un tapiz que mostre a intención de que este costume se manteña no tempo.
As colectivo Alfombras Florais de San Vicente de Cerponzóns tamén participou nun acto homenaxe titulado Soñando Tokio, que organizaba a Coordinadora Internacional de Alfombristas de Arte Efémera, consistente na creación destes tapices uníndoos de forma virtual.