O Pleno de Poio aproba por unanimidade as medidas económicas para os negocios afectados pola covid-19
Por Oskar Viéitez
O Pleno da Corporación aprobou por unanimidade, nunha sesión extraordinaria celebrada na mañá deste martes 16 de xuño, varias medidas económicas, impulsadas polo Goberno local, composto polo BNG, PSdeG-PSOE e Avante Poio, de cara a paliar o impacto negativo que a crise sanitaria da Covid-19 tivo no tecido empresarial e profesional de Poio.
Trátase da modificación de Ordenanzas Fiscais Reguladoras dos servizos de recollida e tratamento e residuos sólidos e urbanos, a través da cal se realizarán bonificacións do 100% a todos os autónomos e responsables de negocios que acrediten a paralización da súa actividade desde o decreto do estado de alarma, ao non ser servizos de primeira necesidade, pro rateándose os efectos.
O voceiro popular Ángel Moldes lamentou que BNG, PSOE e Avante Poio levasen hoxe a pleno esta bonificación do recibo do lixo "que puideron aprobar hai dúas semanas, e lle terían evitado confusión e prexuizos aos negocios de Poio que tiveron que pechar pola pandemia".
Moldes recordou que esta iniciativa "é unha copia da proposta polo PP rexeitada por eles mesmos no pleno de maio".
Tamén houbo consenso entre todos os grupos á hora de dar luz verde á aprobación da devolución dos importes cobrados en concepto de taxa de instalación de postos, casetas de venda ou similares, así como os correspondentes á taxa por ocupación de terreos públicos municipais con mesas e cadeiras, tendo en conta a imposibilidade de desenvolver esta actividade durante o confinamento.
Con respecto aos contratos de arrendamento dos quioscos de Costa Xiráldez, en Lourido, e na Seca, o Concello decidiu condonar o alugamento destes locais polo tempo comprendido desde a declaración do estado de alarma e ate que se mantivo a prohibición da apertura.
O concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, incidiu en que estas medidas "son de xustiza, porque hai moitos negocios que non fixeron uso destes servizos durante o estado de alarma".
Os voceiros dos grupos do tripartito coincidiron neste punto, lembrando, ademais, que, no caso das bonificacións do lixo, tratouse dun "trámite complicado", tal e como lembrou a concelleira de Avante, Silvia Díaz, que sinalou que o Goberno local leva traballando varios meses nunhas medidas que "teñen que ser viables e ter encaixe legal". De feito, estas propostas comezaron a tramitarse xa en abril.
O edil de Urbanismo, o socialista Gregorio Agís, adiantou que "haberá máis medidas de apoio" e tamén fixo fincapé en que o Concello actúa "dentro das súas posibilidades” ". Neste sentido, puxo como o exemplo a devolución das taxas por ocupación de terreos públicos "non son leis de rango superior, polo que dispuxemos de máis marxe para facela realidade".
Este Pleno extraordinario, celebrado de xeito telemático, foi convocado para non ter que agardar ata a vindeira sesión ordinaria (prevista para o día 30 de xuño) para poder aprobar estas medidas económicas, así como para configurar as mesas electorais, de cara á celebración dos comicios autonómicos do vindeiro 12 de xullo.
DEDICACIÓN EXCLUSIVA
Tamén se aproveitou a cita para aprobar, cos votos a favor do tripartito e o rexeitamento da oposición, da modificación das bases do Orzamento, pola cal a concelleira de Seguridade Cidadá e Deportes, Marga Caldas, pasará a asumir a dedicación exclusiva do alcalde, logo de que este optase por empezar a gozar da súa pensión de xubilación.
O cambio farase efectivo no mes de agosto. Deste xeito, a concelleira nacionalista poderá centrase ao 100% en prestar atención e servizo á veciñanza, tal e como sinalou Xulio Barreiro.
O PP votou en contra argumentando que "xa votamos que non hai un ano e volvemos votar que non a unha manobra que demostra que BNG, PSOE e Avante só están atentos aos seus intereses e disputas persoais".
Relacionadas:
-
A bonificación da taxa do lixo polo parón económico durante o estado de alarma solicitárona xa 29 empresas de Poio
Por Redacción |
-
Os recibos en Poio xa se poden pagar a través da sede electrónica do Concello
Por Redacción |
-
O PP de Poio critica o mal estado do parque infantil de Chousa
Por Redacción |
-
O martes aprobaranse bonificacións a autónomos de Poio que certifiquen a inactividade no confinamento
Por Redacción |