Sanxenxo acometerá a humanización do vial de acceso á capela de O Santo valorada en 216.272 euros
Por Redacción
Seguridade, accesibilidade e respecto polo patrimonio do espazo serán as tres bases que rexerán a humanización do vial de acceso á capela de O Santo. Segundo informou o Concello de Sanxenxo, a obra terá un custo de 216.272 euros e dispón dun prazo de execución de tres meses.
O tramo no que se actuará, e que estará financiado con cargo ao Plan Concellos, forma parte dunha das fases dun proxecto de maior envergadura que comprende desde A Cachada a O Santo e cuxo custo total supera os 800.000 euros.
Con esta obra, o goberno local buscará mellorar as condicións de accesibilidade dos veciños do lugar de O Santo convertendo este vial nunha rúa residencial con plataforma única mixta para peóns e vehículos, pero sempre co maior respecto coa contorna da capela. O outro obxectivo que perseguen con esta plataforma, é pacificar o tráfico na zona polo que se limitará o tráfico a 20 quilómetros por hora.
A actuación prevista en 140 metros de vial comprende melloras de saneamento coa dotación dunha nova recollida de pluviais a un novo colector que se instalará polo medio do vial.
En canto á iluminación pública prevese unha instalación dunha nova canalización eléctrica e a colocación de novos farois con iluminación led para mellorar a eficiencia enerxética. No proxecto contemplan tamén a limpeza manual do pavimento e colocarán laxas de granito gris para habilitar zonas seguras de peóns.
En canto ao mobiliario urbano, prevén a colocación de bancos e papeleiras, así como a colocación dunha pantalla cubrecontenedor para reducir o impacto visual dos contedores de lixo.