Un 'Amazon galego' e axudas aos autónomos, apostas de Bará para o comercio post Covid-19
Por Redacción
O cabeza de lista do BNG por Pontevedra ás próximas eleccións autonómicas, Luís Bará, visitou varios negocios da cidade para comprobar como se adaptaron á nova situación derivada da pandemia do coronavirus e deulles a coñecer a batería de propostas do seu partido para o sector, que pasan por axudas directas a autónomos, unha nova Lei de Comercio e un 'Amazon galego'.
Bará propón "apostar de maneira decidida e masiva polo comercio de quilómetro cero como xerador de riqueza local" e cre que son necesarias medidas e axudas urxentes e directas para os autónomos para esta etapa que chega coa Covid-19.
O candidato realizou estas visitas ás librerías Seijas e Paz, a Olbe e a Chema Sport acompañado polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e defendeu que o BNG, se goberna na Xunta despois do 12 de xullo, impulsará unha nova Lei de comercio e intensas campañas de promoción, entre outras iniciativas.
Bará tamén amosou a súa preocupación pola situación dun sector que supón o 13% do emprego e o 14% do PIB galego, xa que está a ser duramente golpeado pola crise. Así, comprobou que a situación na rúa amosa que é preciso que o futuro goberno galego teña unha aposta decidida e masiva polo comercio galego, local, de proximidade, cambiando e aproveitando a crise para darlle un cambio radical ás políticas que se viñeron facendo ata agora.
En caso de que o futuro Goberno da Xunta sexa do BNG, Bará anuncia que apostará polo comercio local, porque "é realmente o que crea emprego, crea riqueza, que dá dinamismo e vitalidade ás cidades e que xera riqueza que queda aquí".
Miguel Anxo Fernández Lores manifestou que o comercio local é un sinal de identidade do modelo Pontevedra porque "entendemos que é máis que un sitio onde mercar: xera vida na rúa, xera cohesión social, xera autoestima... Temos que seguir traballando e potenciando".
Relacionadas:
-
Bará prevé un resultado "histórico" para o BNG nas eleccións galegas
Por Alejandro Espiño |
-
Montse Prado, candidata do BNG, pide a anulación das "taxas abusivas" de Portos de Galicia ás terrazas
Por Redacción |
-
Bará avoga por recuperar o proxecto do 'Viario do Vao' para aliviar o tráfico na Barca
Por Redacción |
-
Bará, cabeza de lista do BNG por Pontevedra, expón as propostas do seu partido para a mocidade
Por Redacción |
-
O BNG propón crear rutas seguras entre os concellos para ciclistas
Por Redacción |
-
Luís Bará demanda máis dereitos laborais e económicos para o persoal de servizos esenciais
Por Redacción |
-
Bará aposta por estender dende o goberno galego o "modelo BNG" a toda Galicia "para un rural de excelencia"
Por Redacción |