Un incendio de pequenas dimensións pon en alerta aos bañistas da Lanzada
Por Redacción
Os moitos veraneantes que acudiron este domingo á praia da Lanzada víronse sorprendidos por un pequeno incendio que provocou unha grande alarma, principalmente cando nos momentos iniciais se levantou unha importante fumareda.
O lume, de pequenas dimensións, declarouse arredor das 15:00 horas nunha zona de matogueira baixa entre a area da praia e a estrada, fronte ao Centro Vacacional da Deputación no Grove, quedando extinguido unha hora máis tarde.
Ata o lugar desprazáronse efectivos de Protección Civil e Garda Civil, asegurando estes últimos que todo apunta a que as causas foron accidentais.
Unha testemuña do suceso asegura ter escoitado unha pequena explosión, o que fai pensar en que un bote de spray ou similar puidese rebentar ao alcanzar unha temperatura elevada.
A pesar da proximidade cos vehículos e algún local de hostalaría, non se produciron danos persoais nin materiais.