Investigan pola vía penal un veciño de Salcedo que caeu da moto cando cuadriplicaba a taxa de alcoholemia
Por Natalia Puga
Un veciño da parroquia pontevedresa de Salcedo está investigado pola vía penal como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria por conducir cuadriplicando a taxa de alcoholemia permitida. A Garda Civil descubriu o seu delito cando acudiu a atendelo porque sufrira un accidente ao caer da súa motocicleta na contorna do Lago de Castiñeiras.
A causa contra este home, veciño de Salcedo de 40 anos, está xudicializada no Xulgado de Instrución número 2 de Marín.
Os feitos producíronse sobre as 21.00 horas deste xoves. Un grupo de ciclistas, entre os que se atopaba un axente da Garda Civil fóra de servizo, circulaban por unha estrada local nas proximidades do Lago Castiñeiras cando atoparon a un home tendido no chan.
Os ciclistas avisaron aos servizos de emerxencias e indicaron que parecía que sufrira un sinistro viario. O home atopábase semi inconsciente, de modo que, nada máis atoparlle, e antes da chegada dos servizos sanitarios, os ciclistas practicáronlle os primeiros auxilios.
Unha patrulla de motoristas do destacamento de Tráfico da Garda Civil de Vilaboa desprazouse ao lugar e realizáronlle ao condutor as probas de alcoholemia, nas que lle detectaron taxas de 1,18 e 1,09 miligramos de alcol por litro de aire expirado. A máxima permitida ao volante é 0,25.
A Garda Civil instruíu dilixencias por un suposto delito contra a seguridade viaria por conducir baixo a influencia de bebidas alcohólicas e superando as taxas máximas establecidas.
A Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificará os controis de alcoholemia e drogas durante esta próxima fin de semana, especialmente nas vías secundarias da provincia, onde veñen producindo os accidentes de maior gravidade.