Unha familia logra apagar o lume orixinado na cociña da súa vivenda en Gagos de Mendoza
Por Redacción
Dúas dotacións do Parque de Bombeiros de Pontevedra acudían ao redor das 15.30 horas ao edificio número 4 da rúa Gagos de Mendoza, xunto ao edificio da Audiencia Provincial, porque nunha das vivendas do primeiro piso se rexistraba un incendio orixinado na cociña.
Unha vez no lugar, segundo a información facilitada polos Bombeiros, o lume xa se atopaba extinguido. Os integrantes da familia, unha parella e o seu fillo, lograran apagar as lapas utilizando un extintor.
A campá extractora e os mobles lindeiros á cociña sufriron danos debido ao lume. Segundo a información facilitada pola Policía Local que tamén acudía ata a zona, un dos ocupantes da vivenda foi atendido por inhalación de fume. Os Bombeiros realizaron tarefas de ventilación da vivenda.