Abren ao público catro locais do "gastroespazo" do Mercado e outros dous o farán na fin de semana
Por Oskar Viéitez
O Mercado de Abastos de Pontevedra reabriu este martes ao público o seu espazo gastronómico, con catro establecementos operativos (Olmos Gastrobar, Bar La Plaza, Umami Poke e cervexería Nasa). Outros dous xa comunicaron a súa intención de facelo na fin de semana (Merluzateca e A Viñoteca).
Establecéronse unhas estritas normas de prevención contra a Covid-19, un aforo máximo de 100 asentos (un 40% dos 250 para os que ten capacidade) e uns novos carteis informativos, adhesivos e aplicacións colgantes que lembran as medidas hixiénico sanitarias e establecen os roteiros internos de circulación.
Ademais estableceuse un único acceso polas escaleiras da entrada principal (cara a rúa Serra), empregándose as do lado dereito para subir e as da esquerda para baixar e quedando pechadas o resto de escaleiras do edificio. Unicamente pode utilizarse o ascensor da dereita, que ao igual que os aseos terá unha ocupación máxima dunha persoa. Colocáronse dispensadores de hidroxel tanto na entrada como nos aseos.
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco avanzou que "a medida que se vaia progresando na desescalada irase ampliando o aforo e abriranse as portas laterais, pero seguiranse mantendo medidas de seguridade para protexer a vendedores e consumidores".
O departamento que dirixe a socialista Yoya Blanco estableceu un aforo máximo de 48 cadeiras para a zona da terraza central, 24 para a da galería que dá á avenida de Bos Aires, 10 para cada unha das cafeterías (Olmos e La Plaza) e catro en cada un dos laterais adxacentes ás escaleiras de baixada e de subida (lindantes co Sete de Bastos e o Piada Romagnola).
O Mercado estreou este martes a nova imaxe e os itinerarios seguros da campaña "Sabores". Os adhesivos para o chan e as aplicacións colgantes teñen forma de corazón e un aspecto colorista, o que simboliza o estado de certa ledicia para afrontar a "nova normalidade".
O horario de atención ao público do gastroespazo será de 11:00 a 16:30 horas o martes, mércores e xoves, e de 11:00 a 16:30 e 19:00 a 00:00 horas o venres e sábado. A apertura atrasarase unha hora na xornada do domingo, na que os clientes poderán desfrutar dos establecementos abertos entre as 12:00 e as 16:30 horas.