O PSOE pide medidas temporais para que bares sen terraza poidan instalar veladores
Por Redacción
As medidas avanzadas polo Concello de Marín para a exención da taxa de terrazas crean, segundo o PSOE, unha "enorme desigualdade" no sector. Consideran que para algúns supón un beneficio económico de 3.000 euros, pero a outros non lles beneficia en nada.
De aí que os socialistas propoñan compensar esa desigualdade porque "todos estiveron pechados e todos tiveron perdas económicas", sinala o seu voceiro, Manuel Pazos.
O PSOE solicitará a implantación de medidas urbanísticas temporais para favorecer aos locais de hostalería que, ou ben non teñen terraza ou ben son moi pequenas, de tal xeito que poidan dispoñer de terrazas en condicións de seguridade para os seus clientes.
Isto faríase mediante o peche temporal ao tráfico dalgunhas rúas como Méndez Núñez (detrás do Concello) e o tramo baixo de Ezequiel Massoni (no lateral do parque Eguren), permitindo só o acceso a garaxes; ou a instalación de terrazas en prazas de aparcamento.
Estas medidas temporais, en todo caso, deberán cumprir criterios de seguridade e estética común, e segundo os socialistas servirán para reducir as aglomeracións de xente en grandes terrazas e permitirán gañar novos espazos públicos dedicados actualmente para os vehículos.
Os socialistas, por outra banda, solicitan que o Concello se reúna nun prazo máximo de 7 días coas asociacións de comerciantes de Marín. "Non nos parece de recibo que se estean anunciando medidas por parte do goberno local sen tan sequera manter unha reunión de traballo cos que son os representantes dos comerciantes e hostaleiros", sinala Pazos.
Considera o líder do PSOE que é unha cuestión "primeiramente de respecto" cara esas asociacións e de traballar por buscar a unidade de acción e o consenso nas medidas que se implanten, "cuestión que agora mesmo non sucede", lamenta.