Marin en Rede pon cara ao comercio local para apoiar a economía do municipio
Por Redacción
Marín En Rede, a plataforma dixital que a pasada semana abría o Concello para apoiar a economía local, dispón xa dunha nova campaña denominada #PonllesCara. Con ela preténdese que o consumidor coñeza aos autónomos, ás persoas, que rexentan cada negocio marinense que se adhira á iniciativa.
Con ese hagstag, #PonllesCara, sóbense ás redes sociais da plataforma, isto é Facebook e Instagram, vídeos de cada negocio.
A tenda de roupa para muller Ünica, de Rosana, situada na rúa da Ponte, foi a primeira en estrear a campaña. Como neste caso e os sucesivos, as mensaxes son de ánimo para os sectores afectados pola conxuntura económica derivada da pandemia e solicitan o apoio dos seus concidadáns co pequeno comercio e a economía local.
Desde a posta en funcionamento da plataforma sumáronse xa máis de medio centenar de establecementos, de todos os sectores, e dos situados no núcleo urbano, como das parroquias que conforman Marín.
Desde o Concello iranse ampliando as iniciativas de Marín en Rede, así como a aplicación das medidas económicas do plan de reactivación local.