Desaloxan un supermercado tras falecer un octoxenario nun baño
Por Redacción
A Policía Nacional e Urxencias Médicas de Galicia 061 desprazáronse ao mediodía deste mércores ata a rúa Cobián Rofignac de Pontevedra ante a alerta realizada desde un supermercado da zona polo falecemento dun cliente nun dos baños das instalacións.
Segundo confirmaron fontes policiais, trátase dun home de 86 anos que se sentiu indisposto, foi ao aseo e faleceu. A Policía Nacional sinala que todas as informacións que recolleron ata agora apuntan a que se trata dunha morte natural, aínda que non achegan detalles sobre a súa causa. Fontes oficiais de Supermercados Froiz indicaron que, segundo as primeiras informacións, debeuse a un infarto.
Todo ocorreu no interior do supermercado Hiper Froiz e, segundo contaron testemuñas presenciais, unha vez que se tivo constancia do que pasara, desde o establecemento actuaron con rapidez e procederon ao desaloxo das instalacións, instando a todos os seus clientes a que abandonasen o negocio en canto fose posible. Non foi un desaloxo policial, senón decidido polo supermercado.
A presenza de dous coches patrulla da Policía Nacional e dúas ambulancias nas rúas Cobián Rofignac e Santa Clara causaron gran expectación na zona.